
02 Abr Visita virtual do Fuciño do Porco
Unha fermosa ruta en 360 graos
A Punta Socastro é un accidente xeográfico situado no concello do Vicedo, que se adentra no Mar Cantábrico ofrecendo unhas vistas espectaculares. O perfil que ofrece esta formación rochosa desde o mar deu lugar a que os mariñeiros a bautizaran co nome popular “O Fuciño do Porco”.
Situado na Mariña lucense entre as praias de Abrela e San Román, O Fuciño do Porco é una ruta que, no seu tramo final, discorre sobre pasarelas de madeira que permiten salvar os impresionantes cantís ata chegar á baliza marítima luminosa da punta Socastro, final da ruta e lugar privilexiado para gozar das vistas da illa Gaveira, illa Coelleira e da Ría de Viveiro.
Existen indicios da existencia dun castro neste lugar que se encarga de certificar a súa toponimia “Socastro”. Este dato fíxome recordar a visita virtual de Castro Candaz , outro lugar moi recomendable da provincia de Lugo que garda certa similitude con este por estar rodeado de auga e acoller un emprazamento castrexo.
O que agora é unha ruta moi transitada, empezou sendo unha vía de servizo creada polos técnicos de mantemento de sinais marítimas. O acondicionamento dese camiño, a construción da pasarela e as redes sociais deron lugar a popularizar esta ruta de xeito exponencial.
Agardo que gocedes do tour virtual e vós anime a visitar a Mariña Lucense para facer esta ruta e outras moitas que agardan por vós nesta fermosa terra.